SUBVENCIÓNS PARA ACTUACIÓNS DE REHABILITACIÓN - PROGRAMA DE INFRAVIVENDA. PRAZO: 30-04-2021

Data: 

martes, 23 Marzo, 2021 (Todo o día) a venres, 30 Abril, 2021 (Todo o día)

 

Instituto Galego da Vivenda e Solo 

Resolución do 5 de marzo de 2021 pola que se convocan distintas liñas de subvencións para actuacións de rehabilitación para o ano 2021 (código de procedemento VI406A, Programa de infravivenda). BDNS (Identif.): 553431.

Obxecto

1. Estas subvencións están dirixidas a prestar apoio aos concellos de Galicia de menos de 10.000 habitantes para que poidan axudar con carácter urxente ás unidades de convivencia que residan, en condición de propietarias, nunha infravivenda e non dispoñan de recursos económicos para acometer obras que permitan ter as mínimas condicións de habitabilidade.

2. Así mesmo, estas subvencións terán por obxecto permitir aos concellos de Galicia de menos de 10.000 habitantes rehabilitar infravivendas do seu patrimonio municipal para destinalas a solucionar os problemas de residencia de unidades de convivencia que cumpran os requisitos fixados nas bases reguladoras.

Bases reguladoras

As bases reguladoras das subvencións obxecto desta convocatoria están recollidas na Orde do 23 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras aplicables á concesión das subvencións do Programa de infravivenda (Diario Oficial de Galicia núm. 8, do 14 de xaneiro, de 2020).

Concellos beneficiarios

1. Poderán ser beneficiarios destas axudas os concellos de Galicia de menos de 10.000 habitantes. Para estes efectos, tomaranse como referencia as últimas cifras oficiais do padrón municipal de habitantes publicadas polo Instituto Galego de Estatística na data de publicación da presente convocatoria.

2. Para poder ser beneficiarios destas subvencións os concellos deberán ter cumprido o deber de remisión ao Consello de Contas de Galicia das contas xerais do exercicio inmediatamente anterior ao ano da convocatoria, en que o seu prazo de presentación estivese vencido.

3. Non poderán ser beneficiarios destas axudas aqueles concellos que se atopen nalgún dos supostos previstos no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Crédito orzamentario

As subvencións previstas nesta convocatoria faranse efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 08.81.451A.760.0, por importe de 274.337 €, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para a anualidade 2021.

Actuacións subvencionables

Considerarase actuación subvencionable a execución de obras de rehabilitación en edificacións e vivendas, co obxecto de que estas acaden unhas mínimas condicións de habitabilidade.

En concreto, serán subvencionables con cargo a este programa as actuacións que teñan por obxecto:

– A reforma ou rehabilitación de elementos exteriores.

– A mellora das condicións estruturais e de seguranza.

– A mellora da accesibilidade da edificación ou das vivendas.

– A mellora da habitabilidade. Dentro destas últimas, será subvencionable a execución de obras que eviten a entrada no edificio do gas radon ou a adopción de medidas que garantan a súa eliminación do interior das vivendas.

Prazo 

O prazo de presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG e rematará o día 30 de abril de 2021 e, en todo caso, no momento de esgotamento da partida orzamentaria contida nesta convocatoria, que será publicada no DOG mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.

 

Descargas: