Data:
Consellería de Política Social
ORDE do 18 de xullo de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras de subvencións para o investimento en centros de inclusión e emerxencia social e de programas que desenvolverán as corporacións locais para a inclusión social da poboación xitana, inmigrante e outras persoas en risco de exclusión, e se procede á súa convocatoria para os exercicios 2017/18, cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e Fondo Social Europeo 2014-2020. BDNS (Identif.): 356974.
Finalidade
Establecemento e regulación de subvencións ás corporacións locais en réxime de concorrencia competitiva dirixidas á construción, reforma, adaptación e equipamento de centros de inclusión e emerxencia social e unidades funcionalmente vinculadas, así como ao desenvolvemento de programas polos servizos sociais de titularidade municipal que teñan por finalidade a inclusión sociolaboral de colectivos de elevada vulnerabilidade á exclusión social e laboral. Para os efectos desta orde, terán a consideración de colectivos de elevada vulnerabilidade aqueles que cumpran o establecido no artigo 3 da Lei 10/2013, do 27 de novembro, de inclusión social de Galicia, e particularmente persoas pertencentes a colectivos con dificultades de integración social como a comunidade xitana e a poboación inmigrante residente en Galicia. O código deste procedemento é o BS623C.
Entidades beneficiarias
As corporacións locais de ámbito municipal galegas que desexen implantar ou desenvolver algunha das actuacións mencionadas na orde. Enténdense incluídas as mancomunidades de concellos, e agrupacións de concellos baixo calquera fórmula, incluída a de fusión municipal.
As corporacións locais solicitantes deberán cumprir os seguintes requisitos:
a) Estaren inscritas no Rexistro de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais regulado polo Decreto 254/2011, do 23 de decembro, polo que se regula o réxime de rexistro, autorización, acreditación e inspección dos servizos sociais en Galicia.
b) Aquelas corporacións locais solicitantes de subvencións para un programa en favor da poboación inmigrante deberán acreditar a emisión de informes de arraigamento social e vivenda adecuada, que a Lei orgánica 4/2000, do 11 de xaneiro, sobre dereitos e liberdades dos estranxeiros en España e a súa integración social, e o Real decreto 557/2011, do 20 de abril, polo que se aproba o Regulamento que a desenvolve, establecen no ámbito da Comunidade Autónoma galega, así como unha porcentaxe mínima de poboación inmigrante empadroada segundo as seguintes regras:
1º. Concellos: superar o 2,5 % de poboación inmigrante e un mínimo de 170 persoas inmigrantes empadroadas no concello. No caso de non cumprir a porcentaxe anterior deberán ter polo menos 1.000 persoas estranxeiras empadroadas no municipio.
2º. Consorcios locais, mancomunidades e agrupacións de concellos: superar o 2,5 % de poboación inmigrante o 50 % dos concellos que integran a entidade supralocal e ter unha media de 200 persoas inmigrantes empadroadas.
c) As corporacións locais solicitantes da subvención para un programa dirixido á inclusión social de persoas en situación ou risco de exclusión social non poderán dispoñer para o seu termo municipal doutros dispositivos de natureza pública distintos dos propios dirixidos ao desenvolvemento dun programa cuxo contido sexa a prestación do servizo de apoio á inclusión sociolaboral.
Accións subvencionables
1. Programas dirixidos á inclusión sociolaboral de colectivos vulnerables:
a) Programas dirixidos á inclusión social da poboación xitana, que poderá incluír actuacións nas áreas de inclusión e emprego, vivenda, normalización educativa e de saúde.
b) Programas dirixidos á inclusión social da poboación inmigrante.
c) Programas dirixidos á inclusión social de persoas en situación ou risco de exclusión social.
d) Programas complementarios de educación e apoio familiar dirixidos á inclusión social dos menores a cargo.
2. Investimento en centros de inclusión e emerxencia social e unidades funcionalmente vinculadas, que poderán adoptar as seguintes modalidades:
a) Construción, ampliación, reforma, mellora e adaptación de elementos de carácter estrutural que melloren substancialmente a calidade do servizo que se vai prestar.
b) A adquisición e instalación de equipamento e mobiliario, así como a adquisición de vehículos de transporte vinculados á prestación dos servizos propios do centro, excluíndose expresamente os vehículos turismos.
c) Adquisición ou desenvolvemento de aplicacións informáticas que estean relacionadas coa actividade do centro.
Prazo
Un mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento, non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes. Os sábados e festivos considéranse inhábiles para todos os efectos.