SUBVENCIÓNS PARA A CONTRATACIÓN TEMPORAL DE PERSOAS EN SITUACIÓN OU RISCO DE EXCLUSIÓN SOCIAL PERCEPTORAS DA RENDA DE INTEGRACIÓN SOCIAL DE GALICIA (RISGA). PRAZO: 22-02-2016

Data: 

xoves, 31 Decembro, 2015 (Todo o día) a luns, 22 Febreiro, 2016 (Todo o día)

 

Consellería de Economía, Emprego e Industria

ORDE do 29 de decembro de 2015 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións dirixidas a entidades locais para a contratación temporal de persoas en situación ou risco de exclusión social perceptoras da renda de integración social de Galicia (Risga) e se aproba a convocatoria para o ano 2016.

Obxecto e finalidade

1. Esta orde ten por obxecto o establecemento das bases reguladoras polas que se rexerá, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, a convocatoria pública das axudas e subvencións dirixidas a entidades locais para a contratación temporal de persoas en situación ou risco de exclusión social perceptoras da renda de integración social de Galicia (Risga), co obxecto de proporcionarlles a experiencia e práctica profesional necesarias para facilitar a súa inserción laboral, e a aprobación da súa convocatoria para o ano 2016.

2. A convocatoria das subvencións previstas nesta orde tramitarase de acordo co previsto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Entidades beneficiarias

Poderán ser beneficiarios das axudas e subvencións previstas nesta orde os concellos e as agrupacións de concellos baixo calquera fórmula, sempre que todos eles dispoñan de capacidade técnica e de xestión suficientes para a execución do obxecto para o que se concede a subvención.

Non poderán ser beneficiarias as entidades que estean incursas nalgunha das circunstancias establecidas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

En todo caso, a solicitude conxunta de subvención para o desenvolvemento dun servizo ou programa exclúe a posibilidade de solicitude individual.

 Financiamento

1. O financiamento destas axudas efectuarase con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, a través dos créditos consignados na aplicación 09.41.322A.460.0 (código de proxecto 2015 00 532) do proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2016, polo importe global de 5.698.398 euros.

2. Os ditos créditos estimados poderán ser obxecto de modificacións como consecuencia da asignación ou da redistribución de fondos para o financiamento dos programas de fomento do emprego, coas limitacións que establezan a Conferencia Sectorial de Asuntos Laborais, nos supostos e nas condicións previstas nos artigos 30 e 31 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. A concesión das axudas e subvencións reguladas por esta orde, estará supeditada á existencia de crédito na aplicación orzamentaria 09.41.322A.460.0 (código de proxecto 2015 00 532), dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2016. Para os efectos do disposto no artigo 25. 2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e 3.3 da Orde do 11 de febreiro de 1998 sobre tramitación anticipada de expedientes de gasto, na súa redacción dada pola Orde do 27 de novembro de 2000 e pola Orde do 25 de outubro de 2001, a concesión das axudas ou subvencións estará sometida á condición suspensiva de existencia de crédito axeitado e suficiente no momento da resolución.

4. A distribución provincial de créditos para o financiamento das axudas previstas nesta orde será directamente proporcional ao número de persoas paradas e á evolución do paro rexistrado no período 2011-2015 e inversamente proporcional á evolución da poboación no citado período, e terá en conta o número de persoas perceptoras da Risga existentes en cada concello a 31 de decembro de 2015.

5. Para os efectos de garantir unha distribución o máis equitativa posible dos recursos entre os distintos concellos que poidan participar nesta convocatoria, asignarase a cada entidade solicitante unha axuda inicial equivalente ás contratacións que lle correspondan en función do número de persoas perceptoras da Risga, de conformidade co tramo no que se atope cada un segundo a seguinte escala:

a) Ata 10 persoas perceptoras da Risga: ata 2 contratacións.

b) De 11 a 50 persoas perceptoras da Risga: ata 5 contratacións.

c) De 51 a 100 persoas perceptoras da Risga: ata 10 contratacións.

d) De 101 a 700 persoas perceptoras da Risga: ata 20 contratacións.

e) De máis de 700 persoas perceptoras da Risga: ata 40 contratacións.

6. Para a máxima eficacia destas axudas, calquera sobrante de crédito que poida producirse tras as resolucións de concesión ditadas de conformidade co establecido no apartado anterior, será asignado aos solicitantes das axudas polo órgano competente, atendendo ao número de persoas perceptoras da Risga existentes en cada concello.

Prazo

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Para estes efectos entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se este último día é inhábil, entenderase prorrogado ata o primeiro día hábil seguinte. Se no mes de vencemento non houbese día equivalente, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Descargas: 

ArquivosTamaño
PDF icon DOG Nº. 248488.11 KB
PDF icon DOG Nº. 14 (Ano 2016)689.84 KB