SUBVENCIÓNS PARA O FOMENTO DA ACCESIBILIDADE E SINALIZACIÓN DOS RECURSOS TURÍSTICOS NO MEDIO RURAL, PDR DE GALICIA 2014-2020. PRAZO: 20-02-2017

Data: 

sábado, 21 Xaneiro, 2017 (Todo o día) a luns, 20 Febreiro, 2017 (Todo o día)

 

Axencia Turismo de Galicia

RESOLUCIÓN do 29 de decembro de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións a entidades locais para o fomento da accesibilidade e sinalización dos recursos turísticos no medio rural, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do PDR de Galicia 2014-2020, e se anuncia a convocatoria para o ano 2017. BDNS(Identif.): 328986.

Obxecto 

1. As subvencións reguladas por estas bases teñen por obxecto o fomento da accesibilidade e sinalización dos recursos turísticos no medio rural para a consolidación da oferta turística nas zonas rurais a través da posta en valor da súa riqueza histórica, cultural, patrimonial e paisaxística.

2. Para os efectos desta resolución, terán a consideración de pequenas infraestruturas turísticas aquelas cuxo investimento sexa inferior a 120.000 euros (IVE excluído).

3. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia competitiva.

Son subvencionables as actuacións de mellora da accesibilidade e da sinalización nos seguintes recursos:

a) Miradoiros e outros espazos de interese paisaxístico.

b) Praias marítimas, fluviais, encoros, fervenzas...

c) Bens integrantes do patrimonio cultural de Galicia, regulados na Lei 5/2016, do patrimonio cultural de Galicia.

d) Sendeiros galegos homologados pola Federación Galega de Montañismo e as actuacións necesarias para acadar esta homologación.

e) Rutas en centros BTT de Galicia pertencentes á rede da Xunta de Galicia e as actuacións necesarias para a inclusión nesta rede.

f) Rutas e infraestruturas de interese turístico.

Exclúense as actuacións para a creación e/ou mellora de infraestruturas e equipamentos vinculados á prestación de servizos básicos, destinados a concellos de Galicia, de forma individual e mediante o sistema de xestión compartida, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do PDR de Galicia 2014-2020

En materia de accesibilidade poderán ser obxecto de axuda as seguintes actuacións:

a) Construción, ampliación ou mellora de aparcadoiros para o acceso aos recursos definidos neste artigo.

b) Creación das infraestruturas necesarias para o acceso ao recurso.

c) Construción de pasarelas, ramplas, aparellos elevadores e eliminación de barreiras arquitectónicas que melloren o acceso ao recurso e os itinerarios de visita.

d) Construción ou adecuación de aseos adaptados para persoas con diversidade funcional.

Só serán subvencionables as obras que utilicen materiais construtivos que permitan a integración harmónica e respectuosa coa contorna en que se atopa o recurso. Neste senso, deberá evitarse o uso de asfalto ou de formigón cando visualmente non se acomoden esteticamente ao medio.

En todo caso deberá cumprirse a normativa vixente en materia de accesibilidade e eliminación de barreiras arquitectónicas.

Respecto á sinalización poderán ser obxecto de axuda as seguintes actuacións:

a) Nova sinalización en estradas, sempre que conten coas autorizacións dos organismos competentes.

b) Paneis interpretativos, tanto tradicionais, como aqueles que incorporen novas tecnoloxías.

c) Ferramentas tecnolóxicas que sirvan aos fins establecidos nestas bases (aplicacións para teléfonos intelixentes, códigos QR, tecnoloxía NFC, audioguías...).

d) Colocación de postes e outros elementos consonte os criterios de homologación de sendeiros e os específicos dos centros BTT de Galicia.

e) Retirada de sinalización obsoleta, redundante ou deteriorada.

Os materiais e características da sinalización deberán respectar o manual oficial de sinalización turística da Xunta de Galicia, Decreto 85/2012, do 16 de febreiro (DOG núm. 47, do 7 de marzo) e os correspondentes manuais de sendeiros homologados ou de centros BTT.

Os paneis interpretativos deberán utilizar materiais resistentes á intemperie, ao vandalismo e que ao mesmo tempo harmonicen coa entorna onde se coloquen.

No caso de que exista sinalización obsoleta, redundante ou deteriorada de titularidade do concello, deberá ser retirada antes da colocación da nova sinalización.

No caso de que a sinalización que se debe retirar sexa de titularidade doutra Administración pública ou dunha entidade privada, solicitarase a autorización correspondente.

En todo caso, de seren necesarias para levar a cabo a actuación para a cal se solicita subvención, deberá contarse coas autorizacións das administracións sectoriais correspondentes (patrimonio, augas, costas...).

Beneficiarios

1. Poderán ser beneficiarios das subvencións, sen prexuízo de reuniren os requisitos establecidos nestas bases, as entidades locais que desenvolvan proxectos de accesibilidade e sinalización de recursos turísticos nas zonas rurais de Galicia que se relacionan:

a) Concellos.

b) Mancomunidades e consorcios locais constituídos de acordo coa Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia. Estas entidades supramunicipais deberán ter atribuídas competencias en materia de turismo.

c) Agrupacións de concellos, de conformidade co disposto no artigo 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Neste caso deberán facerse constar expresamente, tanto na solicitude como na resolución de concesión, os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como o importe de subvención que se aplicará por cada un deles, que terán igualmente a consideración de beneficiarios. Deberá nomearse un representante ou apoderado único da agrupación, con poderes suficientes para cumprir as obrigas que, como beneficiario, corresponden á agrupación. Esta agrupación non poderá disolverse ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 35 e 63 da citada lei.

2. Só teñen a consideración de zonas urbanas os concellos da Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Vigo, Ferrol e Santiago de Compostela. Dentro de cada unha destas zonas urbanas, as parroquias definidas como rurais ou intermedias pola autoridade de xestión xunto co Instituto Galego de Estatística serán admisibles para os efectos dos fondos Feader.

Gastos subvencionables

1. Considéranse gastos subvencionables aqueles en que incorrese a entidade solicitante con posterioridade á presentación da solicitude de axuda, como consecuencia da realización de proxectos acordes cos requisitos e criterios indicados.

2. Para ter a consideración de gastos subvencionables deben respectar o previsto no artigo 45 do Regulamento UE 1305/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural Feader, e cumprir os requisitos do artigo 13 do Regulamento delegado UE 807/2014 da Comisión, do 11 de marzo, que completa o anterior, e demais normativa de aplicación.

3. Serán gastos subvencionables os seguintes:

a) A utilización de novas tecnoloxías da información (TIC) na sinalización de recursos turísticos e a adquisición de aplicacións informáticas especificamente destinadas a facilitar información sobre os devanditos recursos.

b) O uso de medios que favorezan a accesibilidade universal dos recursos, considerando solucións destinadas a persoas con limitacións visuais, auditivas, con mobilidade reducida ou de calquera outra natureza.

c) A adquisición de terreos destinados á construción ou ampliación de aparcadoiros ou necesarios para permitir unha correcta accesibilidade e sinalización dos recursos turísticos, ata un 10 % do importe da operación.

d) Os materiais e gastos necesarios para a correcta execución das accións subvencionadas.

e) Custos xerais asociados aos investimentos que se efectúen, tales como honorarios de redacción de proxectos de arquitectos, enxeñeiros e honorarios relativos ao asesoramento sobre a sustentabilidade económica e ambiental, incluidos os estudos de viabilidade, gastos xerais e beneficio industrial. O importe total dos custos xerais non poderá superar o 12 % do gasto subvencionable.

Con carácter xeral serán subvencionables os gastos efectuados con posterioridade á presentación dunha solicitude de axuda en tempo e forma logo da correspondente convocatoria pública, tendo en conta que a simple presentación dunha solicitude en ningún modo garante a súa aprobación.

Non obstante, serán, así mesmo, admisibles como subvencionables os custos xerais de honorarios e estudos de viabilidade ata un 12 % e a compra de terreos ata un 10 % dos custos totais subvencionables da operación de que se trate, ainda que estes gastos sexan anteriores á presentación dunha solicitude de axuda, sempre que se realicen a partir do 1 de xaneiro de 2017.

Prazo

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.

Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

Descargas: 

galer_a_fotos