Data:
Axencia Instituto Enerxético de Galicia
Resolución do 25 de xuño de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras e se anuncia a convocatoria de subvencións para proxectos de enerxía fotovoltaica, para o ano 2021-2022, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder-Galicia 2014-2020 (código de procedemento IN421S). BDNS (Identif.): 573299.
Obxecto
1. O obxecto destas bases é apoiar proxectos con fins de aforro enerxético e fomento do uso racional das enerxías renovables. Os proxectos limitaranse a instalacións para a xeración de electricidade mediante paneis solares fotovoltaicos (procedemento IN421S).
2. O procedemento administrativo para a concesión destas subvencións será o de concorrencia non competitiva, segundo o disposto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. As solicitudes de axuda presentadas en prazo e cos requisitos establecidos nestas bases tramitaranse e resolveranse por orde de entrada no rexistro da solicitude, do que se fará publicidade na aplicación informática que se utiliza na xestión das axudas.
Entidades beneficiarias
1. Poderán acceder á condición de beneficiarios das presentes subvencións:
a) As entidades locais de Galicia e entidades delas dependentes.
b) As entidades sen ánimo de lucro.
c) Empresas legalmente constituídas e autónomos; incluídas as empresas de servizos enerxéticos que xestionen total ou parcialmente instalacións consumidoras de enerxía e que o obxecto destes contratos de servizos sexa a consecución de aforro económico derivado dun menor consumo de enerxía.
Os centros de consumo en que se actúe deben estar situados en Galicia e corresponder a empresas incluídas no ámbito de actuación das presentes bases.
2. As empresas deberán cumprir co criterio de autonomía e demais requisitos que se establecen no anexo I do Regulamento xeral de exención por categorías.
3. Os requisitos para obter a condición de beneficiarios deberanse cumprir, como moi tarde, na data límite de remate do prazo de presentación de solicitudes.
4. As entidades sen ánimo de lucro non poderá disolverse ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 35 e 63 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Investimentos subvencionables
1. Os paneis solares fotovoltaicos.
2. O acondicionamento da enerxía eléctrica (inversores, convertedores, reguladores, cadros eléctricos, elementos de interconexión, proteccións, cablaxe, equipamentos de medidas e outros equivalentes), monitorización (sensores, adquisición de datos, comunicación remota e outros equivalentes) e sistema de acumulación con baterías.
3. O resto de accesorios da instalación para o correcto funcionamento do sistema.
4. O custo de montaxe e conexionado.
Financiamento
1. As subvencións que se concedan financiaranse con cargo aos orzamentos do Inega para o exercicio 2021-2022.
Beneficiarios axudas | Anualidade 2021 | Anualidade 2022 | Aplicación orzamentaria |
Empresas | 3.300.000 | 875.000 | 06.A3.733A.770.7 |
Administración local | 100.000 | 100.000 | 06.A3.733A.760.8 |
Entidades sen ánimo de lucro | 100.000 | 25.000 | 06.A3.733A.781.7 |
Total | 3.500.000 | 1.000.000 | 4.500.000 € |
O crédito máximo recollido na táboa anterior poderá ser redistribuído se nalgunha das epígrafes non se rexistran solicitudes suficientes para esgotar os fondos dispoñibles e noutra das epígrafes existe listaxe de espera.
2. O importe dos fondos previstos entenderase máximo, ben que cabería a posibilidade de ampliar o crédito como consecuencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria derivada dalgunha das circunstancias previstas no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e, se for o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda. Isto podería dar lugar á concesión de máis subvencións de acordo coa orde de prelación de solicitantes.
De producirse a ampliación do crédito publicarase no DOG e na páxina web do Inega (www.inega.gal), sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo para resolver.
Contía da axuda
1. A intensidade máxima da axuda, segundo tipo de beneficiario, será a seguinte:
Beneficiarios | Porcentaxe máxima de axuda |
Entidades locais | 80 % |
Entidades xurídicas sen ánimo de lucro (que non realicen actividade económica) | 80 % |
Empresas, as súas agrupacións e asociacións, así como entidades sen ánimo de lucro que realicen actividade económica. No caso de pequenas empresas, a axuda incrementarase en 10 puntos porcentuais e no caso de medianas empresas en 5 puntos porcentuais. | 20 % |
2. A contía máxima da axuda por proxecto para empresas e entidades locais será de 40.000 € e de 25.000 € en entidades sen ánimo de lucro.
3. En ningún caso, o custo de adquisición dos gastos subvencionables poderá ser superior ao valor do mercado.
Prazo para presentar as solicitudes
O prazo de presentación das solicitudes de axuda comezará o 16 de xullo, ás 9.00 horas, e finalizará o 1 de decembro de 2021.